O pasado mes de maio, Funcas publicou o seu coñecido ranking sobre os servizos que prestan os viveiros e aceleradoras de empresas en España, no que o Centro de Iniciativas Empresariais Mans figura entre os 100 mellores. Este estudo, que pretende servir de guía para os distintos axentes do ecosistema emprendedor español, recoñece aqueles viveiros e aceleradoras que comparten as súas mellores prácticas co resto dos axentes da comunidade empresarial co obxectivo de crear unha rede sólida de apoio ás iniciativas emprendedoras.

Desde MANS traballamos constantemente para ofrecer un servizo de calidade no acompañamento e apoio tanto aos proxectos que están a dar os seus primeiros pasos como ás empresas cunha traxectoria máis consolidada grazas á calidade das instalacións e dos espazos comúns que poñemos á disposición das nosas empresas. Ademais, esforzámonos por crear puntos de encontro para que todas as persoas traballadoras se coñezan entre si, tanto nas XORNADAS MANS que organizamos ao longo de todo o ano, como nos espazos compartidos, como a cafetería ou as zonas de lecer das nosas instalacións.

Outro dos aspectos que, segundo Funcas, nos converten no terceiro mellor viveiro de empresas de Galicia é o asesoramento ás emprendedoras que se atopan en fase de constitución. Estas reciben, de forma gratuíta e durante un período de tempo limitado, asesoramento xurídico e económico durante a fase inicial do seu proxecto. Grazas a este tipo de achegas foméntase a implantación de políticas que permiten cultivar e impulsar o espírito emprendedor, así como poñer en marcha iniciativas que proporcionen financiamento directo e apoio empresarial, unha peza fundamental para a recuperación e reactivación económica.

Funcas é un centro de análise dedicado á investigación económica e social e á súa divulgación mediante a promoción da interacción entre o ámbito académico e a economía real. Levan elaborando estes informes desde o ano 2014, polo que puideron constatar o auxe deste tipo de espazos de traballo en todo o país. Na actualidade, as cidades con maior número de viveiros e aceleradoras de empresas son Barcelona e Madrid, seguidas de Valencia, o País Vasco, Andalucía e Galicia.