Territorio Emprende, unha iniciativa promovida pola Fundación Paideia Galiza e a Escola de Organización Industrial (EOI), co financiamento do Fondo Social Europeo Plus, que aposta por impulsar proxectos innovadores e con impacto social nas comunidades rurais galegas, celebrou o evento de peche da súa segunda edición  en Padrón cunha xornada de microteatro, música e participación comunitaria.

A Fundación Paideia Galiza celebrou o pasado 7 de maio na Casa do Patín, na súa sede da Escravitude (Padrón), o acto de peche da segunda edición de Territorio Emprende, un programa orientado a impulsar iniciativas con impacto social no rural galego a través da innovación, a colaboración e a participación cidadá.

O encontro reuniu a persoas participantes, entidades e veciñanza nunha xornada aberta ao público que serviu para compartir os resultados de seis meses de traballo colaborativo arredor dos retos e oportunidades do territorio. A apertura contou coa intervención de integrantes do Grupo Semente, colectivo que promove procesos de innovación social e dinamización comunitaria na contorna. Un dos momentos máis destacados foi a representación de catro pezas de microteatro inspiradas nos proxectos desenvolvidos durante o programa: A Casiña de Carme, Bosque Diverxente, Cimbra e Memorias da Aldea. A través dunha proposta artística próxima e participativa, o público puido coñecer os principais obxectivos e impactos destas iniciativas.

A programación completouse co espazo musical O son que nos une, no que participaron Habló Pablo, Yas Deluaces, Davide Leira, Enrique Ramil, Alberto Hermans, Lidia India e Julia Pozo, creando unha atmosfera de encontro entre creación artística, identidade territorial e comunidade. Durante a xornada tamén se presentaron os catro proxectos impulsados no marco de Territorio Emprende, centrados na recuperación de espazos e recursos do rural, a preservación da memoria colectiva, a inclusión sociolaboral e o fortalecemento das relacións interxeracionais.

No acto participou o vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara, quen destacou a capacidade do programa para xerar propostas transformadoras nacidas desde o propio territorio e baseadas no traballo colectivo.