O xoves 3 de abril celebrouse en MANS un evento que fusionou o emprendemento e a música mentres se emitía en streaming o programa MAÑANA MÁS de RNE. Os presentadores, Ángel Carmona e Antonio Vicente entrevistaron aos músicos Quique Peón e Faustino Núñez, representantes tanto da música tradicional galega como do flamenco. Ademais de contar as súas experiencias profesionais improvisaron unha actuación animando ao público asistente. Despois, tiveron cabida un par de iniciativas emprendedoras da economía sustentable, dentro do sector da alimentación: Anónimas Viticultoras, con Cristina Yagüe e María Falcón; Pan de Juevo, da man de Diego Trillo. Nesta ocasión, durante a súa entrevista, puidemos degustar os seus productos, especialmente o delicioso pan de juevo que probaron todas as persoas que asistiron ao programa.
A música estivo representada por artistas das formacións de emprendemento musical organizadas pola Fundación Paideia Galiza e por ESTUDIOS MANS. A primeira delas foi Lidia India, cantautora e compositora de Ferrolterra que encheu o plató de baile e alegría co seu tema Ata que o corpiño aghuante. O seguinte en saír a cantar foi Futuro Alcalde, alter ego de Fernando Sanmartín que defendeu tanto o seu nome como a canción Me jodiste el orgullo. Xa para rematala festa, a banda indie máis coñecida de Muros, The Rapants puxéronnos a todas/os en pé para despedir a xornada como se merecía, bailando e festexando que volven os mellores eventos radiofónicos ao plató de MANS.
Podedes ver o programa completo en: https://www.youtube.com/watch?v=QxvKDYinAV4