O pasado mes de xuño, MANS acolleu a clausura do proxecto Circular Challenge, unha iniciativa que promove a innovación, a sustentabilidade e a colaboración entre empresas e profesionais.
A xornada comezou coa proxección dun vídeo realizado pola cooperativa Marma, integrante da comunidade empresarial de MANS, no que se recolleron os principais fitos, aprendizaxes e experiencias desenvolvidas ao longo do proxecto. A peza audiovisual serviu para poñer en valor o traballo realizado polas persoas e as empresas participantes e o impacto xerado arredor dos principios da economía circular.
Tras este primeiro momento de balance e reflexión, o encontro continuou cunha actividade participativa moi especial: a creación dun mural colaborativo no que tomaron parte empresas instaladas no centro e outras entidades vinculadas ao proxecto. A actividade estivo guiada polo artista coruñés Héctor Francesch, quen acompañou ás persoas participantes nun proceso creativo colectivo destinado a representar os valores desta iniciativa e a forza da colaboración como ferramenta de transformación.
Como resultado, xurdiron unhas obras construídas de maneira compartida, que reflicten a diversidade, o talento e o compromiso das empresas e profesionais que forman parte da nosa comunidade.
A xornada concluíu nun ambiente distendido no xardín, onde as persoas asistentes puideron compartir un petisco preparado pola cafetería do centro. O encontro estivo xenialmente animado pola música de Sofi Peries, artista participante no programa formativo Interritmos 2026, unha formación impulsada pola Fundación Paideia Galiza que apoia o desenvolvemento profesional de artistas emerxentes e fomenta a creación musical a través da propia formación, o acompañamento e a conexión co sector cultural.
Desde CIE MANS e a Fundación Paideia Galiza queremos agradecer a implicación de todas as persoas, empresas e entidades que participaron nesta iniciativa, contribuíndo a impulsar modelos de innovación máis sostibles, colaborativos e comprometidos co territorio.






