
Xornada de debate e reflexión sobre o impacto positivo e negativo da intelixencia artificial na actualidade.
DATA: 1/12/2025
HORA: 12:30h
UBICACIÓN: CIE Mans A Coruña
RELATORAS DA XORNADA:
Laura M. Castro Souto
Laura M. Castro Souto é profesora titular no Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña (UDC). Como investigadora, nos últimos anos está enfocada no impacto social da tecnoloxía, e forma parte do recén creado grupo de investigación Cidadanía Dixital (DIGI). Tamén na UDC, dirixe o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF). Alén do seu labor académico, a Dra. Castro participa activamente en actividades de divulgación científica: foi colaboradora da Radio Galega durante varios anos (2018-2024) e participa en diferentes proxectos para visibilizar ás mulleres nos eidos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Matemáticas), como por exemplo a Iniciativa 11F. É integrante da asociación AMIT-Gal (Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas).

Noelia Barreira Rodríguez
Noelia Barreira Rodríguez é profesora titular na Universidade da Coruña. Comezou a súa traxectoria investigadora en 2003 no seo do grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA). Ao longo da súa carreira publicou máis de 30 artigos en revistas de alto impacto científico e presentou máis de 50 contribucións en congresos internacionais. Codirixiu catro teses de doutoramento no ámbito da visión por computador e participou en máis de 30 proxectos competitivos, catro deles como investigadora principal. Os seus intereses céntranse na visión por computador a imaxe médica, con especial énfase no desenvolvemento de solucións para a diagnose asistida mediante técnicas de procesado de imaxe e aprendizaxe automática.

Paloma Piot Pérez-Abadín
Paloma Piot é doutoranda no Laboratorio de Recuperación da Información (IRLab) da Facultade de Informática (UDC) e a súa investigación céntrase na detección de discurso de odio en redes sociais mediante intelixencia artificial, onde ten contribuído a analizar a reacción dos grandes modelos de linguaxe (LLMs) ante contidos ofensivos. Ademais, explora técnicas de redución de nesgos e traballa na creación de modelos máis eficientes e interpretables, co obxectivo de facer estes sistemas máis robustos e socialmente responsables.

Gema Ruiz Díaz-Mariblanca
Gema Ruiz é Innovation, Data & AI Manager @ Softtek EMEA
Enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Madrid e Enxeñeira Informática pola UNED. Posúe varias certificacións SCRUM Master. Leva case dúas décadas inmersa no mundo da tecnoloxía, desempeñando distintos roles que abranguen todo o ciclo de vida do software, desde as primeiras etapas de conceptualización ata a entrega final. O seu labor en Innovación permítelle traballar en proxectos de Big Data, Intelixencia Artificial, Machine Learning, Data Science, Internet das Cousas, Blockchain, Ciberseguridade… E nos últimos meses, aprendendo e dando pasos en Intelixencia Artificial Xerativa.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

