A Xunta ten aberto ata o vindeiro 29 de setembro o prazo para solicitar diversas liñas de axudas de apoio ao emprego autónomo e ao emprendemento. Son diversos programas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con apoios dirixidos a impulsar o inicio de actividade por conta propia; os destinados á consolidación e mellora da competitividade de negocios de persoas traballadoras autónomas que leven polo menos 42 meses de actividade empresarial; as axudas á contratación de ata o terceiro traballador; os apoios para favorecer a conciliación; e os centrados en impulsar as empresas cualificadas como Iniciativas de Emprego de Base Tecnolóxica (IEBT).

De xeito específico para o emprendemento, ata a mesma data pódese optar ás axudas que con 7 millóns de euros están  dirixidas a pemes, persoas traballadoras autónomas e entidades da economía social, que teñan iniciado a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2021 (ou máis tarde) e permanezan en activo, para cubrir investimentos en: equipamento informático, eficiencia enerxética, reformas de locais ou de mobiliario, entre outros, realizados desde o pasado 5 de novembro.

Para a Xunta, xs traballadorxs autónomxs e emprendedorxs son un colectivo prioritario: Galicia é cun 19,96% a primeira comunidade autónoma con maior peso deste colectivo (no Estado representa o 16,07%). Na actualidade, o Goberno autonómico está a deseñar, da man da Mesa do Emprego Autónomo, a Axenda de Impulso ao Emprego Autónomo 2023-2026, que contará cun orzamento superior aos 200 millóns de euros. A Administración galega mantén, deste xeito, un diálogo constante e fluído con este colectivo para atender as necesidades tanto dos que empezan como dos que precisan consolidar a súa actividade económica.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ademais, ten en marcha a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego coa que se pretende dinamizar o territorio a través da creación de emprego de calidade e o asentamento da poboación: hai oito en marcha e prevese que a finais de ano estean funcionando quince, cubrindo o 100% do territorio galego. Esta rede, en concreto, está a prestar asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin.

Ademáis, cos fondos Fondos Europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR)  financiaranse axudas tamén para a inserción laboral das mulleres desempregadas por medio de programas que combinarán a orientación laboral co asesoramento e a formación.

No eido do emprendemento dixital destacamos a liña de financiamento ENISA que pretende impulsar o espíritu empresarial dixital feminino e diminuír así a fenda existente neste sector.